Translated, Introduction and Notes by L. C. Carballal
"Wuthering Heights” ou “Cumes Torboentos”, na nosa tradución, é unha das novelas inglesas máis sobranceiras do século XIX e Emily Brontë, a súa autora, pertence a ese escaso e escolleito fato de escritores que acadaron o recoñecemento literario cun único libro, aínda que en verdade tamén é autora dalgúns poemas.
A novela é unha exposición arrebatadora sobre o fado, a obsesión, a paixón e maila vinganza a través duns personaxes de espírito atolado ou mesmo perverso que viven nun ámbito social predominantemente mesquiño e nunha natureza ag
reste, mormente inclemente e tan ríspeta coma moitos dos persoaxes.
É unha narrativa adiantada ao seu tempo que será un modelo para a literatura romántica posterior, coa súa historia pasional de amor, odio e vinganza nun ambiente hostil. Unha obra que crebou os canons morais da Inglaterra vitoriana e os estilísticos coa súa estrutura de bonecas matrioscas. Con todo, “Cumes Torboentos” non só é a historia do amor imposíbel entre Catherine e Heathcliff, senón que tamén abranxe as relacións amorosas da xeración seguinte: os seus respectivos fillos e mailo seu sobriño, e como Heathcliff manipula estas movido pola vinganza e mailo odio. E ao cabo, todo volve ao rego coma se a estraña anomalía que supuxo a aparición e maila existencia de Heathcliff non fose máis ca unha breve tempestade no devir dos páramos.
“Cumes Torboentos” é un libro que gañou o dereito a figurar entre as cen, ou mesmo as cincuenta, obras que calquera afeccionado á literatura debe ler porque é, sen dúbida, unha das mellores novelas de tódolos tempos.
0 comments:
Post a Comment